fbpx

Galicia, a comunidade co ensino máis inclusivo, cun 93,6% do alumnado con necesidades especiais en centros ordinarios

A media estatal é do 82,9% e situámonos case 4 puntos por riba da seguinte comunidad autónoma, Navarra.
RedacciónMartes, 3 de mayo de 2022
0

O sistema educativo galego sitúase, un ano máis, como o máis inclusivo de España. Segundo os últimos datos da estatística de alumnado con necesidade específica de apoio educativo sobre o curso 2020-21, publicadas polo Ministerio de Educación y FP, o 93,6% do alumnado galego con necesidades especiais está escolarizado en centros ordinarios. Isto supón que 16.695 estudantes que precisan apoio específico estudan en centros que non son de Educación Especial, o 72% deles en colexios e institutos públicos.

O sistema educativo galego conta cunha rede de preto de 4.000 profesionais para a atención á diversidade en centros públicos, composta por especialistas en Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, coidadores e demais profesionais específicos. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade atende a diversidade do alumnado a través de diferentes iniciativas como os contratos-programa, que contan cunha liña específica de fomento da inclusión nos centros educativos.

Por outra banda, ao abeiro do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe 2021-2025), a folla de ruta que guía a actividade das bibliotecas escolares galegas, desenvólvese o programa Biblioteca inclusiva, a través do que o pasado curso 783 centros de infantil e Primaria recibiron unha dotación extraordinaria para fondos inclusivos, que se sumou a outra dotación extraordinaria para adquirir materiais e recursos inclusivos nos centros de Educación Especial. Ademais, está previsto poñer en marcha novas iniciativas que promovan a accesibilidade a estes espazos a todos os membros da comunidade educativa.

4.000

O sistema educativo galego conta cunha rede de preto de 4.000 profesionais para a atención á diversidade en centros públicos

Así mesmo, Galicia conta con diversas ferramentas para a prevención, detección precoz e tratamento da diversidade, como son os protocolos específicos dirixidos a favorecer a inclusión educativa de alumnado con trastorno por déficit de atención e hiperactividade, con trastorno do espectro de autismo (TEA), con discapacidade auditiva ou para a intervención psicoeducativa da dislexia e outras dificultades específicas da aprendizaxe.

No que atinxe aos recursos, ademais de facilitar os que cada centro precisa en función das necesidades de cada alumno, dáse cobertura de transporte a 363 alumnos e de comedor a 498 estudantes de centros de educación especial que non son públicos a través de convenios con diferentes entidades.

O Goberno galego está a preparar a futura Estratexia de Inclusión Educativa co fin de avanzar na consolidación dunha escola plenamente inclusiva na que se dea resposta ás necesidades e ás capacidades do conxunto do alumnado. Para tal fin, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade manterá unha colaboración estreita e un diálogo aberto coas familias, entidades e colectivos implicados e cuxo resultado final determinará as liñas de actuación neste ámbito para os vindeiros anos.

0
Comentarios