fbpx

O anteproxecto podería ir ao Parlamento en febreiro

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez , destacou o carácter innovador do anteproxecto da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa, coa que se pretende “xerar un clima de convivencia onde o profesor poida realizar a súa tarefa diaria”, sempre co obxectivo de que as alumnas e alumnos acaden a mellor formación. De non xurdir contratempos, o texto legal podería entrar no Parlamento a finais de febreiro.
Ruth LodeiroMiércoles, 19 de enero de 2011
0

Durante unha entrevista na TVG, o conselleiro de Educación explicou que Galicia non presenta niveis preocupantes de conflitividade, polo que ocuparse de mellorar a convivencia con carácter preventivo confírelle a este anteproxecto un carácter innovador. Así, entre outros puntos tratados na futura Lei, Vázquez Abad destacou que se trata da primeira norma que recolle o acoso escolar – incluíndo como unha das súas variantes o cyberbulling – desde unha perspectiva preventiva e correctora. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta lembrou que, segundo datos da OCDE, os profesores empregan o 40% do seu tempo dentro da aula a conseguir un bo clima entre os estudantes. “Isto é moi sintomático; e explicou que esta Lei fora moi demandada, tanto pola sociedade en xeral como pola comunidade educativa en particular”, rematou.

Reaccións
Ante o debate xerado pola nova norma elaborada pola Consellería, o sindicato FETE-UGT reiterou que a mellora da convivencia nos centros non se conseguirá publicando unha norma no Diario Oficial de Galicia, a non ser que se acompañe de medidas que actúe “directamente” sobre as causas e non soamente sobre os seus efectos. Mentres, os sindicatos CIG-Ensino e a Federación de Ensino de CC.OO. reiteraron o seu rexeitamento ao borrador do anteproxecto de Lei de Conviviencia para esixir a súa negociación en Mesa Sectorial. O sindicato nacionalista dirixido por Anxo Louzao lamentou “a ausencia de resposta” á solicitude realizada pola central para trasladar o texto á Mesa Sectorial, ao entender que a súa redacción actual “elude dar resposta aos problemas reais do ensino” en Galicia. Así mesmo, Louzao asegurou que non avalarán ningún tipo de norma “tramitada deste modo”, ao evitar a devandita mesa de negociación a pesar de que afecta ás condicións laborais do profesorado.

Nesta liña, dende CC.OO. tamén rexeitan a proposta “tanto por cuestións de forma coma de contido”, ao entender que só unha visión integral e completa do problema actual poderá mellorar as relacións propias dunha axeitada convivencia.Por iso, advirten de que calquera medida nese sentido debe atender ás necesidades de organización, formativas e de persoal dos centros educativos galegos, tras un debate social ao redor dun documento de bases.

O presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, uniuse ao rexeitamento e advertiu de que o borrador do anteproxecto de Lei de Convivencia evidencia que o obxectivo de Educación é crear “controversia” nos centros co único obxectivode atacar o galego. Por esta razón, estudará varias medidas de resposta entre as que non descarta acudir aos tribunais unha vez se aprobe a norma.

0
Comentarios