fbpx

Galicia lidera este curso a creación de novas prazas de Formación Profesional

O secretario xeral de Educación e FP participou hoxe na reunión na que se confirmou o reparto adicional de prazas con cofinanciamento de fondos europeos. Galicia suma 4.130 prazas, financiadas nun 70% con fondos propios da Xunta.
Redacción-comunidadesLunes, 20 de diciembre de 2021
0

Galicia lidera este curso a creación de novas prazas de Formación Profesional. Así se confirmou na reunión extraordinaria celebrada hoxe entre o Ministerio do ramo e as comunidades autónomas na que se abordou o reparto adicional de prazas que contan con cofinanciamento de fondos europeos, na que participou o secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira.

Do total das prazas creadas, Galicia está en quinta posición, só por detrás de Madrid, Andalucía, Cataluña e Comunidade Valenciana, comunidades todas elas cunha poboación escolar significativamente maior que a galega.

En total, entre as aprobadas no mes de xullo e hoxe, Galicia suma 4.130 prazas, financiadas nun 70% con fondos da Xunta. O terzo restante de cada praza complétase con fondos europeos canalizados a través do Ministerio.

Tras o reparto efectuado en xullo, foron oito as comunidades autónomas, entre elas Galicia, as que solicitaron unha ampliación das prazas dispoñibles. Desta última adxudicación Galicia obtivo o segundo maior número de prazas, 630, por detrás da Comunidade Valenciana (que obtivo 800).

Esta ampliación entronca coas políticas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que ten entre as súas liñas prioritarias o impulso da Formación Profesional, que se artellará nos vindeiros anos a través da Estratexia Galega da FP 2021-2025. Desde o inicio das accións de posta en valor destes estudos, no ano 2009, a matrícula nestas ensinanzas en Galicia medrou nun 70%.

0
Comentarios