fbpx

Rodríguez subliña que as preto de 2.500 prazas de oposición afianzan a calidade do sistema educativo galego

O titular de Educación do Goberno Galego lembra que en 2023, unha vez concluídos os procesos de novo ingreso e de estabilización, consolida a Galicia como a autonomía coa menor taxa de interinidade, algo que xa é a día de hoxe.
Redacción-comunidadesLunes, 20 de junio de 2022
0

Román Rodríguez achegouse ao Centro Integrado de FP, CIFP "Compostela", unha das 145 sedes repartidas nos 14 concellos nos que se celebran as probas.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salientou –con motivo do inicio das probas de oposición de Educación que se celebran esta fin de semana na Comunidade– que as preto de 2.500 prazas de oposicións de Educación cuxas probas comezan hoxe afianzarán aínda máis a calidade e a profesionalidade do sistema educativo galego cun importante reforzo das plantillas de profesorado, ademais de consolidarse como a autonomía coa menor taxa de interinidade do Estado, algo que xa é a día de hoxe.

Segundo explicou, entre este e o próximo ano, este proceso de novo ingreso e o de estabilización, que se convocará antes de que remate o ano ata chegar ás case 4.000 prazas, farán que ao remate de 2023, a interinidade docente en Galicia se sitúe no 6%, dous puntos por debaixo e un ano antes do obxectivo do 8% marcado para o conxunto de España. “Neste –recalcou Román Rodríguez– en Galicia xa estamos cumprindo con ese 8% que o Estado nos fixa para 2024”. Tamén lembrou que xa a día de hoxe Galicia ten unha das mellores ratio alumno/profesor de España. 

Román Rodríguez achegouse ao Centro Integrado de FP, CIFP «Compostela», unha das 145 sedes repartidas nos 14 concellos nos que se celebran as probas ás que concorren preto de 23.000 persoas, para comprobar de primeira man a organización e o desenvolvemento das mesmas.

13.000 prazas nos últimos anos

O conselleiro aproveitou para desexarlles moita sorte a todos os aspirantes a unha cita para a que “de seguro, levan tempo dedicando un enorme esforzo intelectual e persoal” e tendo en conta tamén “a enorme presión e responsabilidade” desta cita que marcará o seu futuro profesional vinculado á docencia.

Román Rodríguez lembrou que a Xunta de Galicia leva máis dunha década facendo un importante esforzo para mellorar as condicións de traballo dos profesionais da educación en Galicia. De feito, nos últimos anos convocáronse máis de 13.000 prazas de oposicións.

Datos xerais

Durante hoxe e mañá están convocadas preto de 23.000 persoas para as 2.484 prazas de educación nas 145 sedes (a razón de 60 na provincia da Coruña, 15 na de Lugo, 19 na de Ourense e 51 na de Pontevedra) habilitadas pola Xunta en 14 localidades de toda Galicia (A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Santiago de Compostela, Lugo, Monforte de Lemos, Ourense, O Carballiño, Pontevedra, Marín, Lalín, Vigo e Vilagarcía de Arousa).

No día de hoxe teñen lugar as probas para o corpo de mestres, mentres que para o resto (inspectores, profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño) serán mañá domingo.

0
Comentarios