fbpx

Rodríguez subliña que os 2.011 novos profesores son unha “mostra da boa saúde e o futuro do ensino galego”

Felicita aos docentes polo seu “traballo, compromiso e paixón” e atribúe ao seu “bo facer” o gran avance de Galicia en resultados educativos nos últimos anos. Un total de 900 son mestres, 1.061 profesores de Secundaria, 42 de escolas de idiomas e 8 de artes plásticas e deseño e, de todos eles, o 75% son mulleres.
Redacción-comunidadesViernes, 2 de septiembre de 2022
0

O conselleiro destaca que a Xunta renovou no último lustro un terzo do persoal con “perfís xoves e preparados”, mantendo as ofertas públicas de emprego malia a caída demográfica.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salientou hoxe que os 2.011 novos profesores que lograron praza nos procesos selectivos celebrados este verán, e que se incorporan ao corpo de funcionarios neste curso académico, son “mostra da boa saúde e do futuro do ensino galego”. Así o afirmou na apertura dunhas xornadas de formación inicial.

Dos 2.011 profesionais que acadaron praza, o 75% son mulleres. En total, 900 son mestres, 1.061  profesores de secundaria, 42 de escolas de idiomas e 8 de artes plásticas e deseño.

O titular de Educación da Xunta felicitounos polo “traballo, compromiso e paixón pola profesión docente” que os levou a conseguir entrar a formar parte do sistema educativo galego. Un ensino que, como declarou, “se ten situado como referente en moitos eidos grazas, en gran medida, ao bo facer do profesorado”.

Neste sentido, fixo referencia a algúns fitos dos últimos anos como a redución do abandono escolar de 17 puntos desde 2009 ata acadar un mínimo histórico de 8,1%; ser a Comunidade máis inclusiva do Estado con máis dun 93% do alumnado con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios, ou situarse como líder en aspectos como matemáticas, ciencias ou lectura segundo as conclusións do informe PISA.

Clave para un sistema de calidade

“Son datos dos que estamos tremendamente orgullosos e que son resultado dun esforzo continuado e colectivo no que os profesores teñen un papel fundamental”, expresou Román Rodríguez. Por iso, como indicou, a Xunta mantén a súa firme aposta pola estabilidade docente, con amplas convocatorias malia a caída demográfica, coas que no último lustro se renovou un terzo do persoal con “perfís xoves e preparados”.

Ao falar das ofertas públicas de emprego que a Xunta vén impulsando no ensino, lembrou que Galicia é a Comunidade cunha menor taxa de interinidade, un 8% fronte á media española do 25%. “Ao contrario que acontece noutros territorios, en Galicia apostamos por facer os deberes convocando en tempo e forma os procesos selectivos e outorgando as máximas certezas ás persoas que aspiran a acceder ao sistema”, precisou.

Convocatoria de 4.000 prazas

Engadiu, ademais, que a folla de ruta das oposicións docentes en Galicia para o vindeiro ano inclúe a convocatoria de case 1.300 prazas, o que permitirá baixar aínda máis esta taxa. En conxunto, entre os anos 2022 e 2023, convócanse 4.000 prazas.

0
Comentarios