Educación contará con máis de 2.200 millóns no 2011

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, destacou a aposta do Goberno galego en materia de plurilingüismo, implantación das tecnoloxías da comunicación no ensino e universidades na súa proposta de presupostos para o ano 2011, que cualificou de “realistas” e “en consonancia” coa grave situación económica.
Ruth LodeiroMiércoles, 27 de octubre de 2010
0

Así o sinalou tras reunirse co delegado da Xunta de Ourense, Rogelio Martínez, onde avanzou as principais contías coas que contará o seu departamento de cara ao próximo exercicio. Así, Educación xestionará 2.222,3 millóns de euros, 161,4 menos e un 6,8% de rebaixa respecto a 2010.
“Seguimos apostando polos piares dunha educación de calidade”, reivindicou Vázquez. En concreto, destacou o incremento dun 9,69 por cento da partida destinada ao desenvolvemento da sociedade da información, que permitirá afondar no proxecto Abalar o próximo ano. Así mesmo, referiuse á “potenciación en linguas estranxeiras”, cun 11,2 por cento máis con respecto ás previsións do ano pasado, ademais de asegurar o seu compromiso coa Formación Profesional e en materia universitaria, que se mantén a pesar “dese recorte imposto” polo Goberno central. En suma, Jesús Vázquez ve a Sanidade, Educación e Política Social como "”as grandes favorecidas” a pesar do contexto marcado por unha grave crise económica e as decisións dun Goberno que leva actuando dun xeito “imprudente e irracional” dende hai seis anos. Por iso, considerou que as contas tratarán de blindar o gasto social ,ao tempo que permitirán “actuar de xeito eficiente”, dun modo “realista” e “en consonancia” coa situación económica. “É obriga de todo Goberno dicir a verdade”, incidiu. O titular do departamento de Educación viu necesario, por iso, xerar unha “estabilidade” na situación da economía galega e establecer unhas contas que garantan a solvencia. “Somos a comunidade que máis pronto paga as facturas”, argumentou, para vincular este feito coa necesidade de “xerar confianza”na sociedade e a xente de fóra de Galicia que estea disposta a inverter, dixo. Nesta liña, incidiu na previsión de crecemento “dun 1 por cento” para situarse “algo por riba do que está previsto para o resto de España”, ao tempo que se buscará “a máxima inversión” baseándose en criterios de “estabilidade, solvencia e a blindaxe” das políticas sociais.

Provincia de Ourense
Respecto á provincia de Ourense, Vázquez Abad asegurou que a “aposta polo interior é decidida”, como evidencian os máis de 90 millóns de euros na partida de medioambiente, transporte e infraestruturas, xunto cos máis de 14 millóns destinados a terreo industrial e parques empresariais. Así mesmo, referiuse ao próximo impulso ao proxecto do Pazo de Xustiza con “máis de 18 millóns” de euros, o mantemento do RISGA ou a inversión en dependencia, ademais dos sete millóns na partida de medio e auga.

Por outro lado, as contas prevén máis de dous millóns de euros para nova construción e proxectos de reforma, ampliación e melloras dos centros educativos, que permitirán seguir adiante coas actuacións no CEIP ‘Allariz ‘e o IES de’ Vilamarcín’, ademais dos dous novos institutos de Barbadás e Celanova.

0
Comentarios