O texto recoñece ao docente como autoridade pública
Así o recolle o borrador de anteproxecto de Lei de convivencia e participación da comunidade escolar presentado polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, quen explicou que cada centro poderá determinar “que roupa é ou non acorde ao seu modelo educativo”, sempre contando coa aprobación do consello Escolar.
Deste modo, poderá impoñer un uniforme ou establecer certas pautas sobre a roupa. O uniforme aínda non está implantado en ningún centro público de Galicia, tal e como admitiu o propio conselleiro, quen aseverou que “moitas familias o demandan”. Cuestións que suscitaron polémica noutras comunidades autónomas, como a prohibición de utilizar veo islámico, quedan igualmente en mans dos colexios, sen que a Administración educativa autonómica se pronuncie ao respecto. Entre as facultades que este texto normativo concede aos profesores está tamén a de requisar aos alumnos calquera substancia ou obxecto que porten e que non estea permitido polas normas do centro –como un teléfono móbil– ou que sexa perigoso.
Dignificación docente
Tal e como explicou o titular de Educación, o citado texto normativo ten como obxectivo “crear e reforzar” os instrumentos xurídicos que permitan manter un clima de convivencia a través da restauración de certos valores e comportamentos e “dignificar” a profesión docente. Trátase, segundo sinalou, de que os docentes vexan “debidamente recoñecida” á a súa función, tanto pola sociedade coma polos poderes públicos; e de que as aulas transcorran nun ambiente de respecto mutuo. Así as cousas, para traballar neste ámbito, o borrador lexislativo incide na “corresponsabilidade” dos pais ou titores regulando a súa participación no proceso educativo a través de “mecanismos de consulta e participación directa”, ben a través de medios telemáticos ou dos propios centros.
En todo caso, o obxecto desta participación, tal e como explicou o conselleiro, será sobre aspectos concretos do ensino, de modo que queda “garantida” a autonomía dos centros en materia curricular e a liberdade docente e pedagóxica do profesorado.
En relación coas “dúbidas de legalidade” que o Consello Consultivo detectou o pasado mes de maio no decreto que regula o uso do idioma no ensino no referido ás consultas aos pais, agora Vázquez Abad considerou que o galego si poderá ser de novo obxecto de consulta.
Segundo precisou o secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén, isto débese a que a lexislación básica unicamente se centra na necesidade de promover e defender a lingua. Sobre as consultas, o conselleiro explicou que a Constitución “non dá dereito aos pais á opinión, pero tampouco á non opinión”, polo que agora esta lexislación os faculta para iso. O obxectivo do texto é xerar un marco xurídico que permita unha resposta inmediata e reeducadora.