Román Rodríguez anuncia que a Xunta convocará 1.601 prazas nas oposicións deste 2026

Case o 87% delas, un total de 1.388, serán de ingreso libre, e as 213 restantes para a promoción interna de persoas que xa son funcionarias dos corpos docentes.
MagisterioViernes, 9 de enero de 2026
0

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta convocará este ano 1.601 prazas nas oposicións do ensino. Fíxoo nunha visita a Zas para felicitar aos tres docentes Lorena Cerdeira (do Centro Público Integrado de Zas) e Fina Paulos e Óscar Rey (do Instituto Maximino Romero de Lema) recoñecidos cos Premios Nacionais a Experiencias Educativas STEM por proxectos impulsadas desde o Goberno galego.

O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, detallou que 1.388 serán prazas para ingreso libre nos diferentes corpos e especialidades que se convoquen. “Isto supón o 86,7% das prazas, a inmensa maioría”, afirmou. As 213 restantes serán para a promoción interna, por exemplo para pasar de mestre a profesor de ensino secundario.

O número de especialidades que se convocarán e as prazas en cada unha delas concretaranse nas próximas semanas para levalas á mesa sectorial coas organizacións sindicais. Como é habitual, as probas desenvolveranse durante o verán, de tal forma que os docentes poidan incorporarse aos seus novos postos en setembro.

Máis profesorado con menos alumnos

“Con esta oferta de emprego público, a Consellería esgota, unha ano máis, a taxa de reposición do 120% establecida a nivel estatal, polo que continuamos apostando pola estabilidade docente”, salientou o conselleiro. Cómpre lembrar que Galicia é a comunidade con menor porcentaxe de interinos estruturais no ensino en toda España.

Román Rodríguez destacou tamén que, grazas a estas oposicións, volverán mellorar as ratios nas aulas, que xa se sitúan actualmente entres as mellores de España. Isto será así grazas a manter a intensidade da contratación pese a caída do número de alumnos.

Este novo proceso de oposicións eleva a case 22.000 as prazas convocadas polo Goberno galego desde 2009 para renovar o cadro de persoal docente de Galicia e enmárcase nun contexto de baixada continuada da matrícula. En concreto, suman 21.698 prazas.

Ensino de calidade no rural

O responsable de Educación da Xunta anunciou a oferta de emprego nunha visita ao IES Maximino Romero de Lema para coñecer os proxectos recoñecidos a nivel estatal e felicitar aos docentes responsables deles. Neste sentido, o conselleiro destacou o “orgullo” que representan Lorena Cerdeira, Fina Paulos e Óscar Rey no seu labor diario como “máximos expoñentes da súa profesionalidade ao servizo da calidade do ensino galego, nomeadamente no rural e nun ámbito tan sensible como as novas tecnoloxías”. Por este motivo, trasladoulles persoalmente os parabéns en nome da Xunta e do conxunto da comunidade educativa tras seren recoñecidos con estes galardóns.

Román Rodríguez explicou que o feito de que o sistema educativo galego se sitúe á cabeza en resultados académicos en ciencias ou equidade e igualdade de oportunidades, tal e como avalan informes comparativos a nivel internacional e estatal, “non é froito da casualidade”, senón “do esforzo, implicación e bo facer” que desenvolve o profesorado no día a día nas aulas e que do cal “Lorena, Fina e Óscar son un faro no que mirarnos”.

Proxectos galegos premiados

Os I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan no alumnado as competencias dixitais e STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, polas súas siglas en inglés) distinguiron recentemente os proxectos Clics seguros en Zas, coordinado por Lorena Cerdeira do Centro Público Integrado de Zas, e Miño en xogo, autoría dos docentes Fina Paulos e Óscar Rey do Instituto Maximino Romero de Lema.

As iniciativas foron galardoadas co primeiro premio na categoría de elaboración de recursos educativos abertos para alumnado de ESO, unha delas na modalidade individual e outra na de grupo, que organiza o Ministerio de Educación, FP e Deportes. Ambas derívanse de diversos programas postos en marcha pola Xunta para favorecer a competencia dixital entre os estudantes, en concreto do proxecto cREAgal, a plataforma de contidos educativos en aberto que impulsa a Consellería, e dos Polos Creativos.

0
Comentarios