Os pais controlarán pola web a traxectoria dos fillos
Así o avanzaron o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, os que destacaron, que máis de 700 aulas de 5º de primaria e 1º de ESO de “toda a xeografía galega” serán as primeiras en integrar as novas tecnoloxías no sistema educativo.
A plataforma ‘Espazo Abalar’ permitirá ás familias acceder aos datos académicos dos seus fillos “por primeira vez dun modo telemático” mediante o uso de DNI electrónico ou dun certificado dixital, nun apartado dedicado exclusivamente para este fin e que proporcionará información sobre materias, os profesores que as imparten e sobre o titor do alumno. Unha vez dentro, os pais porán comunicar e actualizar calquera dato de contacto coa familia, ademais de recibir notificacións diarias ou semanais sobre as faltas de asistencia e cualificacións que obteñan os seus fillos. Segundo destacou o titular do departamento autonómico, o obxectivo é establecer fórmulas de “corresponsabilidade” e favorecer a implicación dos pais no proceso educativo.Tamén estará dispoñible un epígrafe no que se porá a disposición do alumnado e das familias dunha serie de contidos descargables ou recursos dixitais con exercicios para afondar no traballo de cada materia, redactados no idioma no que se imparte cada unha –galego, castelán ou inglés–.
Máis que Escola 2.0
Por outro lado, o portal Espazo Abalar incluirá novos contidos en dúas próximas versións que se actualizarán a principios de decembro e antes de fin de ano, respectivamente. Así, na segunda versión poderase revisar as cualificacións de cursos anteriores e estará dispoñible un apartado destinado ao profesorado, no que poderán publicar avisos e enviar comunicacións aos pais. “Isto non é Escola 2.0, vai moito máis alá”, asegurou Vázquez Abad.
En concreto, esta ferramenta pretende que o contacto dos proxenitores cos centros sexa cada vez maior. Ademais, os centros encargáronse de informar as familias do funcionamento da plataforma e haberá “accións de formación” aos pais mediante plans de alfabetización dixital.
Jesús Vázquez destacou, ademais, que a Xunta prevé finalizar este mes a repartición de equipos dos que se beneficiarán uns 14.500 alumnos de 300 centros durante este curso. Os ordenadores ultraportátiles –que inclúen software libre–, representan ferramentas “de última xeración” e son “únicos en todo o territorio nacional”, sinalou. Ademais, a aula disporá de encerados dixitais, canóns proxectores, ademais de realizarse traballos de mellora da conectividade a Internet e acondicionamento da infraestrutura, que disporá de rede Wifi. Logo de finalizar a formación dos 300 coordinadores do proxecto, formarase 2.500 profesores, á inspección educativa e ás familias implicadas. O despregamento inciouse en setembro cun proxecto piloto.